miércoles, 4 de enero de 2012

SELECTIVIDAD, PRUEBA DE LENGUA CASTELLANA Y LITERATURA. CURSO 2011-2012

ORIENTACIÓNS DO GRUPO DE TRABALLO DA CIUG PARA A PREPARACIÓN DA PROBA DE LINGUA CASTELÁ E LITERATURA.
CURSO 2011-2012



Dada a experiencia destes anos na corrección da proba de selectividade, especificamos máis e renovamos as orientacións para os alumnos/as que preparan os exercicios do presente curso 2011-2012.


PRIMEIRA PARTE: (2,5 puntos)

1.- Explicar o significado de palabras (1 punto):
Pediranse cinco palabras ou expresións. Valorarase que indiquen o significado máis conveniente para o texto. Deberán demostrar que dominan a técnica de definición, é dicir, que saiban definir un substantivo como substantivo, un adverbio como adverbio etc. Ademais da definición, poderase pedir un sinónimo, un antónimo, etc.

2.a. - Resumir o contido do texto ou realizar un esquema (1.5 puntos)
Valorarase a capacidade de síntese. O resumo, aproximadamente, deberá ter unha extensión máxima dun terzo da do texto. Deberá incluír as ideas principais e secundarias e o alumno/a absterase de manifestar opinións ou valoracións. Así mesmo, deberán evitar expresións baldeiras, repetitivas ou citar nome do autor, do título do texto, lugar e data de publicación etc. Non incluirán información que non está no texto.

2.b.- Elaborar un esquema:
Deberá estar ordenado e xerarquizado, incluíndo ideas principais e secundarias.
Utilizaranse esquemas nominais e non oracionais para elaborar os diferentes epígrafes. A través da lectura tanto do esquema coma do resumo, alguén que non lese o texto debería poder saber de qué trata e cales son as súas ideas principais.



SEGUNDA PARTE: (2 puntos)


3.- Redacción dun comentario crítico sobre o CONTIDO ou TEMA ou TEMAS do texto.
O alumno/a deberá elaborar un texto argumentativo, ben organizado, redactado con corrección e adecuación.

Considerarase favorablemente que

1. Elabore o seu propio discurso.

2. Opine sobre as ideas fundamentais do texto e non inclúa nin afirmacións obvias nin frases baleiras de sentido.

3. Achegue ideas e argumente de forma persoal.

4. Poña en relación as ideas do texto con outras coas que poidan ter que ver e que non figuren nel.

5. Sexa capaz de detectar os criterios nos que se basea o autor/a para defender o que di.

6. Sexa capaz de engadir exemplos, argumentar e contraargumentar e chegar a conclusións.

7. As ideas estean ordenadas e utilice un rexistro formal (léxico adecuado, conectores textuais, corrección formal e ortográfica etc.).


Considerarase desfavorablemente que:

  • Se limite a resumir ou repetir o texto.
  • Que non se entendese o texto.
  • Que se digan ideas obvias, se utilicen frases ocas, rodeos insubstanciais, rexistros coloquiais (o ti impersoal, por exemplo), se cometan faltas de expresión e ortográficas etc.

Malia o anterior, o alumno/a poderá iniciar o seu comentario cunha formulación sintética da tese do autor (máximo tres liñas) para, a continuación, iniciar a parte máis persoal do exercicio.



TERCEIRA PARTE, REFLEXIÓN LINGÜÍSTICA: (1,5 puntos)


Este apartado constará de dúas opcións, unha máis teórica, de identificación e clasificación de unidades, elementos, funcións etc., e outra, máis práctica, de emprego destas.


As cuestións que poden aparecer son as seguintes:

Cuestións morfolóxicas:
Identificación de elementos de composición e derivación así como a súa utilización noutros contextos e explicación dos valores semánticos que achegan.
Coñecemento de TODAS as clases e subclases de palabras. De todas elas poderase pedir identificación e utilización.

Do pronome:
Ademais da identificación e uso, poderase preguntar polos elementos referenciais ou correferenciais textuais ou extratextuais dos pronomes.

Dos verbos:
Identificación e uso de formas verbais (incluídas formas non persoais e perífrases), así como dos seus valores semánticos textuais (presente con valor de pasado etc.).

Sintaxe
NON haberá análise sintáctica formal.
Aceptaranse as diferentes terminoloxías para denominar os fenómenos gramaticais (cláusula, oración subordinada, interordinada ou bipolar ou subordinada adverbial impropia etc.).
Poderase pedir a
  • identificación e/ou emprego de funcións que poidan desempeñar algunhas unidades (funcións de frase e funcións oracionais).
  • Identificación e/ou emprego de tipos de relación sintáctica.
  • Identificación e/ou emprego dos seguintes tipos de estruturas:
Coordinadas con e sen nexo.
Subordinadas substantivas de suxeito, de obxecto directo e de suplemento.
Subordinadas adxectivas.
Subordinadas adverbiais.
Interordinadas, chamadas tamén bipolares ou oracións compostas adversativas, condicionais, causais, comparativas, finais e consecutivas e os seus tipos.
  • Identificación e/ou emprego de mecanismos de cohesión de carácter lingüístico.

Léxico e semántica:
Identificación e/ou emprego de sinónimos, antónimos e palabras polisémicas.
Identificación e/ou uso de palabras homónimas.
Identificación e/ou emprego de palabras patrimoniais, cultismos, vulgarismos, préstamos, estranxeirismos...

Cuestións normativas e ortográficas
Poderán formularse cuestións nas que o alumno/a teña que corrixir errores de expresión ou desviacións da norma, tendo que xustificar o sentido da súa corrección.

Poderán formularse cuestións sobre o emprego no texto de determinados signos orto-tipográficos, como, por exemplo, qué indican uns puntos suspensivos, unha admiración, unha paréntese ou corchete etc.

NON figurarán outro tipo de cuestións que non se mencionaron, como os tipos de substantivos ou adxectivos, as preposicións propias e impropias, as variedades do español etc.



CUARTA PARTE: LITERATURA


As preguntas sobre literatura foron xa elaboradas e publicadas. Repetimos unha vez máis que as lecturas son recomendadas. Agora ben, recordamos unha serie de orientacións:

Preguntas sobre as obras:

1º  Irán redactadas de tal xeito que poidan contestar referíndose á obra lida inda que non sexa a recomendada (P.ex.: tema/s, recursos estilísticos, métrica e conexión co movemento literario ao que pertence o poemario que se lese).

2º  É moi IMPORTANTE que o alumnado nas súas respostas faga alusión concreta e con datos pertinentes (personaxes, situacións, episodios, características etc.) á obra. Debe demostrar que LEU a obra.

As preguntas serían as seguintes ou moi semellantes ás seguintes e incorporarán sempre a posibilidade de referirse á obra realmente lida no curso:

Sobre a Fundación:

1.Técnicas e recursos dramáticos na Fundación
2.Análise dos personaxes da Fundación
3.Argumento e temas fundamentais da Fundación
4.Lugar, tempo e acción en La Fundación

Sobre Plenilunio:

1. Explicar a construción dos personaxes en Plenilunio
2. Definir e explicar os principais temas de Plenilunio
3. Explicar as principais técnicas narrativas en Plenilunio
4. Explicar o tratamento do tempo e o espazo en Plenilunio
5. Explicar o punto de vista da narración de Plenilunio

Sobre o Aleph:

1. A técnica do conto no Aleph
2. O xénero fantástico no Aleph
3. Explicar os principais temas e características do universo borgiano do Aleph
4. Principais trazos formais que caracterizan o Aleph

Sobre La voz a ti debida:

1. Principais temas en La voz a ti debida. O tratamento do amor.
2. Principais trazos formais e métricos en La voz a ti debida (a linguaxe poética, imaxes características, métrica e ton etc.)



PREGUNTAS DE HISTORIA DA LITERATURA

Non se trata de reproducir unha lista de autores e obras senón de demostrar o coñecemento do movemento ou época literarios mediante as súas características fundamentais e a referencia aos seus autores máis destacados.

Unha pregunta seleccionada entre as seguintes (2 puntos):

1.- A literatura española no século XVIII. Características e principais autores.
2.- O Romanticismo. Características xerais e autores máis importantes.
3.- Realismo e Naturalismo. Características xerais, principais autores e obras.
4.- O Modernismo. Características xerais.
5.- A poesía de Machado e a de Juan Ramón Jiménez.
6.- O grupo poético do 27.
7.- A novela española anterior á guerra civil.
8.- O teatro español anterior á guerra civil.
9.- A poesía española posterior á guerra civil.
10.- A novela española posterior á guerra civil.
11.- O teatro español desde a guerra civil ata os nosos días.
12.- A narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX.


A Directora do Grupo de Traballo: Rosa María Pérez Rodríguez
O Subdirector do Grupo de Traballo: Joaquín Sueiro Justel

http://ciug.cesga.es

http://ciug.cesga.es/grupos/lcastelaorientacions.html

No hay comentarios: